‘Cantar en León’, un artículo de LUPE GÓMEZ en ‘Galicia Hoxe’

mayo 18, 2010

~ ~ ~
PINCELADAS

Cantar en León

16.05.2010

Por LUPE GÓMEZ
en Galicia Hoxe

Podería viaxar a León en camión, en tren ou en avión, pero a min gústame o ambiente dos autobuses e por iso, prefiro coller o Alsa e pasar seis horas na viaxe. É a mellor fórmula para sentirme “eterna” mentres viaxo por Castela. Na parada da Coruña sobe ao autobús un señor duns 80 anos e senta comigo. É falador, encantador. Pregúntame: “Ti fumas?”. Dígolle que nunca fumei. El dime: “Pois non aprendas”. Tamén me di: “Espero que acabes pronto os estudos e que despois atopes un bo marido.” Cando este señor tan elegante baixa na parada de Becerreá, despídese educadamente de min e dáme a man. Sinto que teño un novo amigo no mundo de Lugo.

Na estación de autobuses de León espérame Pipicalzaslargas, con pelo vermello e ollos risoños. Chámase Eloísa Otero, é a organizadora da homenaxe a Miguel Hernández, na que eu vou participar e cantar.

O hotel no que me aloxo podería ser un bo lugar para gravar unha película, porque resulta moi luxoso, moi tranquilo, moi agradable. Cando chego ao concello para recitar, vexo que aparece Antonio Gamoneda, o poeta das palabras precisas, terribles e belísimas. Doulle dous bicos e el dime: “Hai cadeiras para todos”. Ten razón. Hai cadeiras para os poetas, para os políticos, para os profesores universitarios, para os periodistas, para as amas de casa, para os amigos das palabras. A intervención de Gamoneda, que está sentado ao meu carón, resulta esplendorosa. Ese momento é dunha fondura tan grande para min que se me enchen os ollos de bágoas de cristal.

Despois de Evelia Fernández, Josep Pérez i Tomás e Laura Giordani, chega a miña quenda de recitar. Despois dos nervios, da felicidade e da emoción, eu sinto unha seguridade moi grande, un desexo de falar e cantar. Falo de Fisteus e Compostela, de manchas de humidade e xornalismo, de pobreza, cárceres e frío. Recitando poemas de Miguel Hernández desfruto moitísimo. Cantando cancións de Fisteus fago un traxe de terra para todos os leoneses que me escoitan. Para rematar a miña intervención leo o “Poema dos Caneiros” de Novoneyra. Sinto a calor dos aplausos.

Un mozo, moi contento, achégase a min para apuntar un poema meu no seu móbil e para dicirme que se sentiu identificado comigo cando falei das vacas, pois os seus pais son gandeiros. Eu pensaba que as vacas eran unha exclusiva de Galicia, pero descubro que en León tamén hai vacas. Eu pensaba que só había moitos poetas en Galicia, pero en León hai poetas con sentido do humor e cunha filosofía particular. Gamoneda escríbeme nun libro seu esta fermosa dedicatoria: “Gracias, poeta, por acercarte a mí.”

Fame e amor

Pola noite imos todos ao teatro ver un espectáculo músico-poético- teatral coordinado por Víctor M. Díez e con dirección escénica de Fernando Urdiales. A fame e o amor son amigos dende sempre, para sempre. El poeta que no cesa é unha obra que contaxia un precioso sentimento de intensidade, un raro dramatismo, unha descarga de enerxía poética. Música, danza e teatro dialogan e entrelázanse para destacar a luminosidade escura dos poemas de Miguel Hernández. O amor é moi alto. A fame é máis pequeniña e cruel. O amor baila con vestido branco. A fame ofrece a flor do loito. A fame é popular, fea. O amor é contemporáneo, multidisciplinar.

Miramos este espectáculo no instituto Juan del Enzina. Unha muller chora ao final da representación e dime: “Si yo te contara mi vida…”. Despídome de Gamoneda e el dime: “Nos volveremos a ver, el planeta es pequeño”. Despídome dos meus amigos leoneses, valencianos, salmantinos…

Non choro porque eu sei que os volverei ver a todos nalgunha festa.

~ ~ ~

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: